Tragulus kanchil
Tragulus kanchil | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Un exemplar nun zoo español | |||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||
Pouco preocupante[1] | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
|
Tragulus kanchil, xeralmente chamado cervo-rato menor, é unha especie de ungulado artiodáctilo de pequeno tamaño da familia Tragulidae, que vive no sueste asiático.
Distribución
[editar | editar a fonte]Encóntrase amplamente distribuído en hábitats selváticos do sueste asiático en Indochina, Birmania (istmo de Kra), Brunei, Camboxa, China (Yunnan), Indonesia (Kalimantán, Sumatra e moitas pequenas illas), Laos, Malaisia (península de Malaca, Sarawak e moitas pequenas illas), Singapur, Tailandia e Vietnam.
Descrición
[editar | editar a fonte]É o mamífero ungulado máis pequeno coñecido, o seu tamaño na madurez é de menos de 45 cm e 2 kg de peso. Ten patas curtas e delgadas e un pelame avermellado máis ou menos uniforme cun deseño característico de espiña de peixe na parte anterior do corpo. Ten hábitos crepusculares e nocturnos, vive en solitario ou forma pequenos grupos familiares; os machos son territoriais e marcan o seu territorio con urina, feces e secrecións das glándulas odoríferas que teñen na cara. Son tímidos e esquivos, e hábiles para agocharse na mesta vexetación, o que é a súa arma de defensa máis importante, e permanecen agochados inmóbiles se se achega un depredador, pero foxen rapidamente se é necesario dando grandes saltos. Come follas, arbustos, xemas e froitas caídas. Ten un período de xestación duns 5 meses.
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]En lingua Malaia ou indonesia o nome kancil, (pronunciado 'kanchil') significa tanto 'cervo-rato' coma 'persoa intelixente'. O nome xenérico Tragulus, está composto de Tragos, 'cabra' en grego, e a terminación latina –ulus, que significa 'diminuto'.
Folclore
[editar | editar a fonte]Nun relato folclórico indonesio e malaio, o cervo-rato Sang Kancil quería cruzar un río para chegar ás árbores froiteiras do outro lado, pero un gran crocodilo moi malo chamado Sang Buaya estaba esperándoo na ribeira para comelo. Sang Kancil chamou Sang Buaya e díxolle que o rei estaba invitando a todo o mundo a unha festa, para o cal necesitaba saber cantos crocodilos virían. Sang Kancil pediulle a todos os crocodilos que se puxesen en liña dun lado ao outro do río para que os puidese contar para o rei, e fíxolles prometer que non o comerían mentres os contaba. El despois foi pasando por riba saltando sobre as súas cabezas mentres os contaba. Cando chegou ao outro lado do río deulles as grazas por axudarlle a cruzar o río, e deuse un banquete coas froitas, pero os outros crocodilos incomodáronse con Sang Buaya porque deixou que Sang Kancil se burlase deles.[2]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ {{{assessors}}} (2008). "Tragulus kanchil". Lista Vermella da IUCN de Especies en Perigo (en inglés). IUCN 2008. Consultado o 6 November 2009. Database entry includes a brief justification of why this species is of least concern.
- ↑ Chok, Yoon Foo; Traditional (2008). "Outwitting a Crocodile: A Traditional Malaysian Folktale". Topics Magazine. Arquivado dende o orixinal o 30 de xuño de 2017. Consultado o 17 October 2013.